Seguridade Cidadá somete a inspección as atraccións da festa

Seguridade Cidadá somete a inspección as atraccións da festa


 

A concellería de Seguridade Cidadá, que dirixe Vanesa Fernández, somete as atraccións de feira da festa do Corpus a unha minuiciosa inspección. En coordinación coas concellerías de Comercio e de Cultura responsable das festas, Seguridade Cidadá encargou aos técnicos que iniciaran hoxe a inspección da montaxe e funcionamento das atraccións de feira que se están a instalar nesta localidade para as festas do Corpus Christi que se celebran esta fin de semana. O obxectivo é aumentar as garantías de seguridade de todos os usuarios.

En coordinación coa concellería de Comercio, Vanesa Fernández adianta que o equipo de especialistas iniciou hoxe os controis coa supervisión da documentación preceptiva das atraccións itinerantes, tales como seguros de responsabilidade civil e acreditacións técnicas para, a continuación, proceder á análise da montaxe destas instalacións. 

Os técnicos, que contan cunha experiencia de máis de 15 anos neste tipo de controis, analizan o cumprimento de numerosos requisitos de seguridade, mecánicos ou eléctricos. Entre as cuestións para cumprir con respecto á seguridade do usuario figuran a inexistencia de arestas punzantes ou que puidesen resultar cortantes, e de desniveis ou ocos abertos sen protección, así como a estabilidade dos accesos, a sinalización das saídas de evacuación, o correcto funcionamento dos dispositivos de bloqueo e sistemas de contención de pasaxeiros, etc.

Examínanse tamén outros requisitos sobre a seguridade do público e do perímetro, como a dotación de extintores ou as posibilidades de colisión ou solapamento entre os percorridos das atraccións e entre estas e os tendidos eléctricos, edificios lindeiros…

Con respecto á estabilidade estrutural, os técnicos comproban, entre outras cuestións, que bancadas e apoios estean correctamente nivelados e asentados, que a instalación non presente puntos importantes de corrosión nin deficiencias de relevancia nos cordóns de soldadura, que letreiros, focos ou carcasas teñan garantías de solidez, ou que todo tipo de cordas, arneses, tensores e demais elementos de seguridade similares mostren un perfecto estado de conservación e figuren homologados para a súa utilización.

Non se admiten, por exemplo, cintos de seguridade desgastados que provoquen folguras, nin tampouco peches que dependan unicamente dun circuíto eléctrico, hidráulico ou pneumático e que, ante unha perda de presión ou corte na subministración, poidan afrouxar co peso ou empuxe do usuario.

MÁIS INFORMACIÓN

É importante indicar que as revisións se realizan na súa maior parte mediante unha inspección visual das condicións de montaxe, do estado de conservación da instalación e do mantemento dos materiais, sen entrar a valorar cuestións relativas ao deseño do aparello, que serían obxecto da correspondente homologación.

Nunha análise visual deste tipo, que indubidablemente incrementa o nivel de seguridade para os usuarios, existen puntuais aspectos incontrolables. Neste terreo entrarían o estado de fatiga ou as tensións internas de eixos e compoñentes mecánicos, así como as condicións de funcionamento dos mecanismos ocultos, que terían que ser obxecto dunha análise máis exhaustiva en instalación fixa, con maquinaria adecuada e co tempo necesario, é dicir, unha inspección técnica regular, similar ás ITV dos vehículos, que hoxe non reviste carácter obrigatorio para estas atraccións.

A revisión complétase finalmente cunha ampla comprobación do estado das instalacións eléctricas e do seu correcto funcionamento, que inclúe probas e ensaios de seguridade. O protocolo require tamén aos responsables das atraccións que coloquen carteis claramente visibles con recomendacións de interese para os usuarios das atraccións que detallen especificamente os riscos e, no seu caso, as limitacións de idade e altura.

Para a execución deste tipo de inspeccións,  Enmacosa Consultoría Técnica conta con equipos multidisciplinares compostos por técnicos especialistas en estruturas, compoñentes mecánicos, aplicacións informáticas de control e en instalacións eléctricas, electromagnéticas, hidráulicas e  neumáticas.

 

 

Escribir comentario

Comentarios: 0