Ojea colabora co Corpus de Ponteareas

A empresa de transportes Ojea colabora na difusión do Corpus de Ponteareas


Froito da colaboración entre a Concellería de Ensino e a Concellería de Cultura do Concello de Ponteareas coa empresa de transportes Ojea, dende hai uns días os autobuses da ruta escolar promocionan e difunden as festas do Corpus de Ponteareas entre os escolares.

Para que os máis pequenos vaian sentindo o Corpus e garantir o relevo xeracional, os autobuses escolares contan con vídeos promocionais das alfombras florais e as actividades do Corpus. Tamén colocaron na mampara interior cartaces promocionais.

Vintecinco autobuses colaboran no transmitir do gusto pola arte floral, pero a colaboración vai máis alá das escolas e dos máis cativos, cuns cartaces situados nos cristais das traseiras dos autobuses a empresa Ojea aporta o seu gran de area na promoción desta Festa de Interese Turístico Internacional. Deste xeito, calquera pode atoparse polas estradas da área metropolitana de Vigo cartaces do Corpus de Ponteareas.

A Concelleira de Ensino, Cristina Fernández, quere agradecer a colaboración da empresa Ojea na transmisión do sentir da festa do Corpus de Ponteareas, “é fundamental que se garanta o relevo xeracional e ir fomentando entre os máis pequenos da vila a paixón pola conservación desta tradición que cumpre 160 anos”.

Pola súa banda, a Concelleira de Cultura e Turismo, Hortensia Fernández, valora positivamente a boa predisposición e apoio da empresa Ojea “que leva o nome das nosas alfombras polas estradas do sur da provincia de Pontevedra”.

Escribir comentario

Comentarios: 0