Corpus Christi e Deputación de Pontevedra

Ponteareas alfombra a Deputación de Pontevedra


A Presidenta da Deputación, Carmela Silva, convidou aos presentes a asistir á festa do Corpus Christi de Ponteareas

Os alfombrista confecionaron un detalle floral na entrada da Deputación de Pontevedra

O Concello de Ponteareas presentou hoxe na Deputación de Pontevedra o Corpus Christi confecionando unha alfombra floral na entrada principal.

Sobre a mármore do hall lucía espectacular o rosetón floral que arrecendía a rosa desidratada, árnica, flor de carqueixa, vinagrera, cravel ou hortensia, entre outras flores e materiais naturais empregados. 

Abríu e pechou o acto a Presidenta da Deputación, Carmela Silva, cun emotivo discurso no que tivo lembranzas da súa infancia e relatou unha morea de anécdotas e impresións vividas no Corpus de Ponteareas que a acompañaron ao longo da súa vida. A Presidenta convidou a tódolos presentes a asistir ás festas do Corpus Christi destacando a súa beleza natural e recoñecendo a árdua labor dos e das alfombristas.

Pola súa banda o Alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, salientou a importante labor que se está a facer na difusión e promoción do Corpus e fixo fincapé no factor humano e sensorial dunha festa e dunha arte de longa tradición que segue a medrar ano tras ano.

O Alcalde quixo convidar a un dos alfombristas presentes a describir a técnica e os materiais empregados nesta obra de arte que dende hoxe reloce no hall da Deputación de Pontevedra. 

 

Ao remate, a Deputación de Pontevedra e o Concello de Ponteareas asinaron un convenio para a promoción do Corpus por valor de 8.000€ que se veñen sumar ao convenio suscrito con Turismo de Galicia e ABANCA por ser Festa de Interese Turístico Internacional.

 

Escribir comentario

Comentarios: 0