Corpus Christi para tódolos públicos

O concello de Ponteareas programa un Corpus Christi para tódolos públicos


O Alcalde de Ponteareas e a Concelleira de Cultura e Turismo presentaron hoxe a programación das festas do Corpus

Música, xogos populares, espectáculos de danza, exposicións, verbena con orquestas, tirada de foguetes e a actuación de Roi Casal son algunhas das propostas

O Alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, e a Concelleria de Cultura e Turismo, Hortensia Bautista presentaron hoxe o programa de festas do Corpus Christi de Ponteareas.

Dende o sábado 10 ao luns día 19 os visitantes e veciños poderán gozar de actuacións en directo, exposicións, tirada de fogos, homenaxes, espectáculos e actividades de diferentes temáticas que pretenden abarcar a todo tipo de públicos.

Como cada ano a lectura do pregón do Corpus abrirá o programa de festas a cargo, nesta edición, do historiador e investigador Xoán Martínez Tamuxe, seguido do concerto da Orquestra de Cámara Galega dirixida por Rogelio Groba Otero.

Do martes 13 ao venres 16 é o tempo dos máis pequenos que gozarán coas animacións de rúa e a música tradicional, ademais de ter a ocasión de xogar nunha xornada dedicada aos xogos tradicionais populares.

A revista Pregón presentarase o mércores 14 no salón de plenos ás 21horas.

O venres 16 ás 20 horas a laureada banda de gaitas Tremiñado acompañará á ofrenda floral no monumento ao alfombrista e tamén abrirá o desfile das carrozas o domingo ás 18h. Ás 20:30h no auditorio municipal terá lugar a entrega de medallas do Corpus Christi seguida de animación de rúa e actuacións musicais e tirada de fogos de lucería ás 23:30h.

O sábado os alfombristas comezarán a encher as rúas de cor e perfume floral, mentres ás 23:30 horas diante do mercado terá lugar o espectáculo das danzas do mundo.

O domingo 18 serán os foguetes de palenque os que desperten á vila ás 09:45 horas e xa de seguido e durante todo o día haberá música das bandas de música e a actuación de Roi Casal ás 22:30 horas na Praza Maior. A recepción das autoridades diante do concello será ás 10:45 horas.

O luns 19 estará adicado aos máis cativos con animación de rúa pola mañá e inchables pola tarde.

En palabras da Concelleira de Cultura, “a programación do Corpus 2017 cubre as necesidades dun amplo grupo de idades e gustos nas que se mesturan actividades lúdicas e culturais para o desfrute de toda a familia. Actividades de sempre con novidades. Seguimos como cada ano axustando os orzamentos sen restar calidade na programación e neste ano pechamos o orzamento en 108.000€ que inclúen dende a iluminación, á difusión da festa, contratacións musicais, animación, exposicións, danzas… e un longo etc que supón a celebración do Corpus de Ponteareas”.

Na páxina web do concello de ponteareas poderase consultar o programa das festas, así como na páxina web do Corpus Chirsti www.corpuschristiponteareas.com

Escribir comentario

Comentarios: 0